Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE)

Compartir

Ao igual que a Lingua azul, a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica é producida por un virus que se transmite a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides spp. Non é por tanto unha enfermidade contaxiosa entre os animais porque só se transmite a través dos mosquitos vectores. No afecta ás persoas e tampouco ten ningunha repercusión polo consumo de carne ou leite de animais infectados.

Afecta a especies ruminantes domésticas ou silvestres, sendo unha enfermidade grave en cérvidos silvestres (principalmente o cervo, menos corzo ou gamo) pero leve en ruminantes domésticos onde en gando vacún pode producir síntomas moderados (febre, lesións na mucosa bucal e inflamación dos rodetes coronarios) e xeralmente cura en aproximadamente 2 semanas. Menos sensible é o gando ovino que se pode infectar aínda que é pouco frecuente a aparición de síntomas, e moito menos o gando cabrún que é aínda máis resistente a esta infección.

En cervos, gamos ou corzos pode causar febre, perda de apetito e do instinto de fuxida así como lesión conxestivas en boca, nariz, lingua azulada, etc.  Pode producir abortos e partos prematuros.

Ao ser transmitida pola picadura do mosquito, ao igual que ocorre coa Lingua azul, ao longo do ano existe un período no que o vector non circula (os meses máis frios) e polo tanto non é posible a existencia de enfermidade. O resto do ano onde existe circulación do mosquito (aproximadamente desde abril a decembro, variable segundo os anos) é posible a infección nos animais.

Non existe vacina específica nin tratamento medicamentoso fronte esta enfermidade polo que a única acción preventiva posible é eliminar ou minimizar a exposición dos animais sensibles á picadura do mosquito mediante insecticidas ou repelentes en instalacións ou vehículos de transporte de gando, así como eliminar nas explotacións os lugares predilectos de cría do mosquito (zonas con lama ou humidade). 

En España detectáronse os primeiros focos de EHE en novembro de 2022. En 2023 continuaron detectándose casos en distintas localizacións, fundamentalmente na zona sur e oeste do país. Como era previsible, foi estendéndose progresivamente por todo o territorio peninsular. En data 20/09/2023 Galicia notificou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación os dous primeiros focos detectados na provincia de A Coruña.  Nesta data, agás as comunidades insulares de Baleares e Canarias e as provincias de Barcelona e Xirona, todo o territorio español está afectado por esta enfermidade.

Dado que non existe vacina comercial nin tratamento específico para esta enfermidade, as únicas medidas preventivas que se poden levar a cabo nas explotacións bovinas, ovinas ou cabrúas, deben ir encamiñadas á protección dos animais fronte á picadura do mosquito transmisor durante o período de circulación deste no ambiente (aproximadamente ata o mes de decembro).

Recoméndase polo tanto:

  • Evitar a existencia de posibles zonas de cría do mosquito transmisor nas explotacións, fundamentalmente zonas con lama ou materia orgánica húmida, de predilección para estes mosquitos
  • Utilizar preventivamente desinsectantes ou repelentes nas instalacións, nos medios de transporte ou nos animais, nos casos que se considere oportuno
  • Sempre que sexa posible, protexer as aberturas das instalacións nas que estean albergados os animais con mallas con diámetro de paso igual ou inferior a 5mm, e preferentemente tratadas con insecticidas.

En caso de detectar casos sospeitosos da enfermidade en ruminantes domésticos débese comunicar de inmediato a sospeita aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou tamén aos axentes medioambientais no caso de sospeita en cérvidos silvestres.

Nestes enlaces poden atopar máis información: